PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

MENTRAS TODOS DESCANSAN


Mentras todos descansan, eu acendo a cafeteira, e denantes de preparar os almorzos, vou ao Porto de Espasante, mercar tres ou catro barras de pan grandes que Maruja está a preparar. Hoxe cheguei un pouco máis cedo, e a primeira fornada aínda non saíra, co que tiven que agradar uns minutiños. Mentres, ollaba como repartía a masa e esculpía formas diferentes. Para os bolos con molete reviraba a masa enroscándoa cara a un lado e logo poñíaa en pé para pegarlle un derradeiro toque na parte superior con cinco dedos que formaba unha pequena carapucha. Outros dispoñíaos case sen manipular, simplemente que quedasen redondos e abríalles catro ou cinco cortes que formaban un pequeno taboleiro de xadrez. Tamén facía roscas.
Ao pouco tempo de ollar as maniobras e parolar un pouco, sobre o tempo e sobre a afluencia de turistas nestes días, as barras xa estaban listas.
Case un non pode collelas do quentes que saen, pero iso non ten moita importancia, pois o papel que as envolve amaina un pouco a calor que despiden, e ademáis, din que a sarna con gusto non pica.
Ao chegar á casa, o primeiro, facer un café e acompañalo cuns cantos toros desta barra, soa ou, se lle cadra, cun pouquiño de marmelada. Sen dúbida é un dos grandes praceres destes días.  Que bo está este pan!
E deste xeito, mentres todos descansan, eu preparo o almorzo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario