PENSIÓN BAJAMAR
Ladrido s/n
Ortigueira
A Coruña 15339
bajamarladrido@gmail.com
981 408 063

A FELIZ E INOCENTE HISTORIA DE CARLIÑOS VAGAMUNDO



“Fóra do xantar –caldo e carne asada, como na inmensa maioría das casas de comidas do país. Haberá unha conspiración para poñelas de acordo?-, non quitei outra cousa de proveito.”  
Aire negro. Agustín Fernández Paz


Carliños Vagamundo era fillo de labradores de boa fé. Apenas fora á escola nos seus anos mozos. Ao pasar a educación primaria, non sen moitos atrancos, decidiu matricularse no instituto, cando daquela aínda existía o BUP, por aquilo de aproveitar as ondas que o levaban canda os seus compañeiros da infancia a iniciar unha vida nova de semiadulto. Pasou varios anos de gloria nos paseos, nos cafés e nas tabernas, primeiramente, naquelas que máis preto estaban do centro de estudos, para ir pouco a pouco e con paso firme, ampliando o círculo de terra explorada nos locais nocturnos que máis sona tiñan en cen quilómetros á redonda. A pesares do que a primeira vista puidera parecer, Carliños Vagamundo era un home moi traballador, axudáballe aos seus pais nas tarefas da labranza -aínda que fose despois de varias xornadas consecutivas de troula-, colaboraba nos asuntos da parroquia e ademais era voluntario na Asociación de Veciños da súa aldea, por iso sempre o mandaban polas casas recadar as cuotas semestrais que os que estaban anotados debían abonar en metálico. A pesar da súa aficción pola troula, tíñalle certo afán ao deporte, e como tantos compañeiros de xeración, recoñecía os xogadores dos equipos principais que saían nos coleccionables dos xornais deportivos máis vendidos a nivel estatal. Todos os domingos, no bar da vila e sen falta, comentaba os goles da liga e as xogadas máis polémicas cos veciños interesados. Era, asemade, moi amigo de facerlle as beiras ás rapazas destacadas que naqueles tempos se codeaban, sen pudor, cos rapaces principais do grupo ao que Carlos tamén pertencía.
Logo de varios cursos nesta tesitura, Carliños Vagamundo, sen decatarse, fixo os 17 anos. Un home feito e dereito con abonda experiencia no ir e vir das cuchipandas e nas conversas de taberna, tiña a obriga de amosarlle ao mundo coñecido os devezos de gloria que sucaban o seu imaxinario.
Sen un can no peto, Carliños abandonou o engano adolescente para iniciar unha nova vida como traballador nunha canteira que quedaba alí un pouco máis arriba da casa dos seus pais. Disque tivera sorte daquela, pois o seu proxenitor era amigo sumiso do propietario das canteiras de granito que exportaban pedra a países ás veces descoñecidos para el. Co tempo, de picapedreiro amanuense pasou a pilotar un camión ben grande que carregaba o material da canteira ao porto máis cercano, para logo ser transportado en barcos de mercadurías cara aos Estados Unidos de América.
A boa sorte inicial tornouse malfado cando, de xeito inagardado, pechou a empresa  na que Carliños traballara durante aqueles primeiros sete anos.
Sen saber ben que facer e cunha vida por diante, o noso amigo tivo a valentía de investir os cartos aforrados nunha pequena taberna rural que lle permitiría facer fronte aos pagamentos engadidos que a súa nova condición de home casado lle esixía. A súa muller tiña experiencia na elaboración dos callos e na cocción do polbo.  Alén diso, facía tortas de améndoas con cabelo, que eran a delicia dos convidados no día do patrón.
Os segredos da profesión irían coñecéndose pouco a pouco e logo duns cantos meses de experiencia, o nivel na elaboración dos pratos acadaría cotas superiores. O polbo xa non só se servía á feira, agora degustábase tamén á grella e os entrecotes, aparecían cubertos cunha fina capa de tona con pementa negra, ao gusto do consumidor. Xa daquela, acadara certa sona no ámbito municipal a vangarda culinaria da cociña de Mariela, que era así como se chamaba a esposa do noso protagonista.
Tan atávicos progresos permitiron, por orde de Carliños, aumentar os metros cadrados de beneficio. Sería só cuestión de construír unha habitación adosada á casa, cuns cantos ladrillos e outro tanto de masa de cemento.
Foi daquela cando deixei a parroquia por circunstancias que, aquí, carecen de interese.
Ao voltar, catro anos máis tarde, nunha tarde de primavera, logo de chegar á miña casa e apousentar a equipaxe, decidín ir cear ao restaurante de Carliños. Fiquei sorprendido pola boa acollida que tivera o seu proxecto, logo de observar que as máis altas personaxes do lugar e dos concellos veciños se achegaban ao establecemento a celebrar todo tipo de eventos culinarios. Segundo me contou, todas as fins de semana estaba cheo a rebentar. Incluso era normal que os funcionarios do Concello, no tempo de Nadal, elixisen o seu local para celebrar un encontro de confraternización laboral. Aquela reunión anual era motivo de fachenda para Carliños e Mariela, pois o feito de que xente principal da vila se sentase nas súas cadeiras de madeira e palla, parecía colmar todas as aspiracións profesionais da parella.
Ao saír, ollei en perspectiva o edificio, mentres seguía camiñando. Aínda se sentía ao lonxe o barullo da xente e, como xa se botara a noite enriba, as luces de neón e  o cartaz luminoso que poñía Beba Coca-cola, iluminaban intermitentemente os meus pasos. 



  Imaxe tomada de: http://www.flickr.com/photos/rub-ens/2891494141/in/photostream/

No hay comentarios:

Publicar un comentario